Rss Feed
  1. 17 de Maio: Día das Letras Galegas

    miércoles, 17 de mayo de 2017

    Cada 17 de Maio Galicia honra ás súas Letras e á súa Lingua.

    Xa choveu e escampou ben veces dende que aquel lonxano 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia da Lingua Galega presentaran a proposta histórica de declarar o día 17 de maio de cada ano "Día das Letras Galegas"
    Pretendían consagrar, con carácter perdurable, o simbolismo da publicación dos Cantares Gallegos da gran Rosalía de Castro, obra que deu prestixio internacional á nosa fala como instrumento de creación literaria.

    54 anos máis tarde, e despois dunha longa listaxe de autores galegos sobranceiros homenaxeados neste día, o 17 de Maio é xa unha festa significativa na nosa terra, ben arraigada e instaurada e cuxo eco resoa con forza en todos os ambientes no noso pobo.

    Os alumnos do Agrupamento Específico de 1º ESO, coa colaboración do equipo de voluntarios da biblioteca, non quixeron esquecer a estos homes e mulleres que loitaron polo recoñecemento que agora ten a nosa lingua. 

    Con tal motivo, elaboraron unha colección de cartaces que recollen os nomes de todos os homenaxeados en cada 17 de maio, dende Rosalía de Castro en 1963 ata Carlos Casares no 2017, así coma as súas datas e lugares de nacemento e pasamento,  e o ano en que foron homenaxeados neste día.









    Este ano 2017, a Real Academia Galega quixo destacar pola súa creación literaria e defensa da lingua ao ourensán Carlos Casares. 

    Con tal motivo, nos paneis da entrada do noso centro atoparedes unha exposición de cartaces que recollen a súa biografía e obra.






    Pero, ademáis de filósofo, narrador, articulista de prensa, etc, Carlos Casares traduciu tamén á nosa lingua varias obras. Entre elas, unha das súas favoritas: El principito (1983), do autor francés Antoine de Saint-Exupéry.

    Casares amosou tal paixón por esta obra que durante os seus últimos anos adicouse a coleccionala editada en numerosas linguas, de xeito que chegou a posuír máis dun cento de exemplares.

    Como temos a sorte de que a nai dun dos alumnos do noso centro comparte con Casares esa mesma afección, durante estes días poderedes admirar tamén na entrada do centro unha exposición moi especial: unha chea de exemplares de El Principito traducidos dende o portugués ao árabe, pasando polo grego ou o italiano. 













    Dende aquí o noso agradecemento a Loli Docampo por esta xoia de empréstimo. 

    Pero as actividades que o noso centro organiza para conmemorar este día non rematan aquí.

    Nos paneis da entrada poderedes atopar tamén a exposición dos traballos presentados polos alumnos da FP Básica ao concurso  "Cada Cousa polo seu Nome", organizado polo Equipo de Normalización Lingüística.










    Atoparedes alí as probas do concurso "Na Procura do Tesouro", organizado tamén polo Equipo de Normalización Lingüística.
    Os que aínda non o fixéstedes, animádeos a participar! 
    Pasaredes un bo rato e poderedes optar a premio!



    O vindeiro venres 19 de maio, celebraremos a nosa festa das letras no salón de actos, onde terá lugar a entrega de premios aos gañadores de ambos concursos, e desfrutaremos coa actuación especial do grupo de teatro do centro: Comediantes Anónimos.

    Feliz Día das Letras Galegas!


    Reacciones: 
    |
    |


  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario